Conseguen facer correr Steam nunha PS4

luns, 23 de maio do 2016 Marcus Fernández

No mes de decembro a demostración de que era posible instalar Linux nunha PlayStation 4 baixo certas condicións moi concretas provocou certo rebumbio, pois daba a entender que sería posible gozar de homebrew na consola doméstica de Sony, e agora este polémico asunto rexorde grazas a un vídeo no que un usuario que responde ao alcume de OsirisX demostra como, recompilando as librarías de Radeon de fail0verflow é posible facer funcionar a plataforma de xogos Steam nunha PS4.
Cómpre lembrar que Steam é unha plataforma dispoñible para Windows, OS X e Linux, sendo só os xogos para este último sistema operativo os que están dispoñibles mediante as técnicas empregadas por OsirisX, pero queda claro que o feito de que as consolas de sobremesa actuais empreguen unha arquitectura propia dos ordenadores persoais fai que sexa posible que software destinado para o PC poida correr en consolas.
Ao estarmos ante métodos non oficiais, baseados na aplicación de parches e diferentes trucos, o rendemento que se consegue está lonxe de ser o óptimo, pero quedaríanos claro que se nalgún momento Microsoft ou Sony quixeran abrir as súas consolas a plataformas como Steam os usuarios poderían gañar o acceso a infinidade de xogos, o que sen dúbida agradecerían enormemente, aínda que non é de agardar que a PS4 ou a Xbox One opten por tal camiño, xa que o grande negocio das consolas domésticas non está no seu hardware, senón no seu software, que diluiríase en exceso se o mesturásemos cos xogos ordinarios para PC.

Vídeo no que demostran que Steam pode funcionar nunha PlayStation 4 trucada

PUBLICIDADE