Contratan mendigos para facer ringleiras no lanzamento da PS3

mércores, 15 de novembro do 2006 Raquel Noya

A consola PlayStation 3, que non chegará a Europa até o vindeiro marzo de 2007, xa saíu á venda en Xapón o pasado sábado 11 de novembro. O lanzamento resultou todo un éxito e as primeiras 100.000 unidades (cantidade ridícula para o mercado xaponés) esgotáronse en poucas horas.
As ringleiras de xente que colapsaban as rúas xaponesas á espreita de que se abriran as portas eran inmensas, mais non todos os que ficaban alí devecían por probar a nova PS3 canto antes, senón que, polo visto, moitos deles eran vagabundos e estranxeiros ós que outros lles pagaran para agardar pola súa quenda na dita ringleira.
Segundo publican en Kotaku.com, moitas das persoas que ocupaban os primeiros postos diante das tendas eran anciáns e mozas de nacionalidade chinesa que nin sequera falaban xaponés, e que adquirían as consolas para outros individuos a cambio duns 20.000 yenes pola espera.
Cando a xente leva a cabo prácticas tan pouco éticas para facerse co seu modelo, cabe pensar que a PlayStation 3 non vai defraudar; mais a pesar das boas perspectivas iniciais xa comezan a aparecer as primeiras sombras palpables arredor da consola, como os fallos de retrocompatibilidade cos xogos das versións anteriores, ós que se engade o seu retraso en Europa e o seu elevado prezo.

PUBLICIDADE