Cordy, un interesante xogo de plataformas gratuíto para Android

luns, 14 de marzo do 2011 Marcus Fernández

Resulta sorprendente que algúns xogos de grande calidade estean dispoñibles de balde para dispositivos móbiles, e aínda máis se incorporan innovacións, e dentro desta última liña podemos destacar a Cordy, un divertido xogo para móbiles con Android 2.1 ou superior que xa superou as 50.000 descargas no Android Market e que, no caso de contar cun terminal de gama alta (con procesador de dobre núcleo ou aceleración gráfica), contará cun modo gráfico avanzado, aínda que tamén funciona en terminais máis modestos.
A mecánica de xogo resulta bastante familiar, podendo lembrar lixeiramente ao Super Mario Galaxy, aínda que cunha perspectiva máis limitada. Nesta aventura debemos manexar a un pequeno robot chamado Cordy que debe correr, saltar, tirar, empurrar, levantar e lanzar cousas para resolver distintos puzzles repartidos en niveis cun deseño bastante coidado.
Pese a estarmos ante un xogo de balde, o venres pasado incorporou novos niveis, atendendo así á demanda dos moitos seareiros que está a xuntar este xogo da compañía californiana SilverTree Media.


Trailer de Cordy, o atractivo xogo de plataformas para Android elaborado por SilverTree Media

PUBLICIDADE