Coremain desenvolve un sistema de xestión para a Xunta Arbitral de Transportes

mércores, 14 de agosto do 2019 Redacción

Coremain, referente TIC galego con sede principal en Santiago, mostrounos este mes de agosto os detalles dun novo proxecto de seu para a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), unha iniciativa destinada a facer avanzar a Administración autonómica en materia de excelencia dixital. O novo proxecto, máis en detalle, consiste no desenvolvemento dun sistema de xestión para a Xunta Arbitral de Transportes de Galicia, órgano extraxudicial de resolución de conflitos xurdidos durante a execución de contratos de transporte.
A solución deseñada por Coremain permitirá a tramitación electrónica integral dos expedientes xerados. Os desenvolvementos principais estarán orientados a permitir a xestión de solicitudes de reclamacións presentadas e de depósito de mercadorías, a posibilitar a tramitación cen por cen electrónica dos expedientes orixinados polas peticións de reclamación e de depósito e habilitar a consulta (por parte dos solicitantes) do estado de tramitación, así como a notificación electrónica dos avances na tramitación e datos de vistas.
Tamén permitirá o emprego da sinatura electrónica para documentación necesaria para o proceso dos expedientes, a xestión de convocatorias de reunións da Xunta Arbitral e vistas ou a xestión do acceso a vistas por videoconferencia, entre outras funcionalidades.

PUBLICIDADE