Coruña Bloggers retoma a súa actividade

luns, 16 de xaneiro do 2023 Marcus Fernández

Tras unha paréntese provocada pola pandemia, Coruña Bloggers retoma a súa actividade presencial, cun lixeiro cambio nas súas convocatorias, de xeito que agora celebrarase os últimos xoves de cada mes (de xaneiro a xuño) ás 19:30 horas no edificio da ONCE no Cantón Grande coruñés (a poucos metros do Obelisco).
As xuntanzas manteñen o seu carácter solidario, de xeito que instan aos asistentes a acudir como mínimo cun quilo de alimentos non perecedoiros para entregar na Cociña Económica (na historia do evento xuntouse un total de 2.550 quilos de alimentos).
Esta edición de Coruña Bloggers comezará cun relatorio de Sara Fernández Serrano da axencia Nortecreando, quen achegará consellos prácticos e indicacións sobre como conseguir que unha conta de Instagram destaque e non pareza un simple catálogo chegando a involucrar ao usuario na estratexia de marketing.
Tamén impartirá outra charla Raúl Ordóñez, da axencia Sherpa Digital, abordando desta volta o fenómeno do vídeo curto vertical que tanto éxito está a ter en plataformas como TikTok.
O encontro contará con algunha sorpresa, unha sesión de networking nun local de hostalaría próximo e, como novidade, unha Sección 3x3 na que darase 3 minutos para presentar proxectos (un blog, un libro, servizos...).

PUBLICIDADE