Counter-Strike: Global Offensive terá unha facción inspirada en ETA

martes, 14 de agosto do 2012 Marcus Fernández

O xogo Counter-Strike: Global Offensive chegará ás tendas en versións para PlayStation 3, Xbox 360 e PC en formato descargable, mentres que os xogadores que opten por adquirilo de xeito anticipado a través de Steam poderán comezar a gozar do mesmo dende hoxe grazas a contar con acceso á súa versión de proba, así como a un desconto do 10% no prezo do xogo. Pero este xogo de acción en primeira persoa non está a destacar en España por aspectos técnicos innovadores, a súa variedade de armas (45) ou os seus modos de xogo, senón por incluír 8 novos modelos de xogador entre os que figuran os separatistas, un movemento inspirado na banda terrorista ETA.

Os separatistas do novo Counter Strike están inspirados en ETA

Aínda que esta facción non é nova na franquía (estreouse no Counter-Strike Online), sería a única orixinaria no sur de Europa, pero tampouco sería moi fiel ao grupo terrorista real, aparecendo caricaturizados cunha máscara branca e unha txapela, pero cun uniforme e con actividade en Italia e a viña coñecida como Inferno.
Neste xogo de acción enfróntanse distintos grupos terroristas ou de delincuentes coas forzas da orde, permitindo así que os distintos bandos teñan que cumprir obxectivos opostos nun mesmo territorio, dando lugar a unha competición en liña que leva 12 anos trunfando nos ordenadores persoais, lonxevidade moi pouco frecuente nos xogos en liña.

Reivindicación de FACUA

A asociación FACUA-Consumidores en Acción sorprendeu solicitando a Valve que elimine a simboloxía etarra de Counter-Strike: Global Offensive por “sensibilidade e respecto á memoria das vítimas e os seus familiares”, á vez que piden á compañía estadounidense que adopten o código de conduta da industria do videoxogo en Europa (PEGI) e non amose nos seus xogos imaxes que poidan “atentar contra a dignidade de determinados sectores” (aínda que parecen obviar que os xogos de Valve si se publican co seu respectivo código PEGI, que só indica a idade para a que están recomendados os xogos, ou sexa, que están destinados a maiores de idade).
Resulta un tanto rechamante que sexa unha asociación de consumidores a que faga este tipo de reivindicación, e non unha asociación de vítimas do terrorismo, á vez que resulta un tanto confuso que no mesmo comunicado recoñezan que co xogo non se glorifique nin se faga apoloxía do terrorismo, senón que limítanse a criticar a banalización do terrorismo.

Reacción política

O delegado do Goberno no País Vasco, Carlos Urquijo, pediu que o novo Counter Strike non se poña á venda por ofrecer xogar como membro de ETA, o que considera que é un “disparate absoluto” e unha inmoralidade que “humilla” ás vítimas do terrorismo.


Os modelos dos separatistas vistos en vídeo, apreciándose que visten roupa militar con insignias que nada teñen que ver coa banda terrorista ETA

PUBLICIDADE