Crazy Taxi volve aos móbiles como xogo de balde con publicidade

luns, 29 de maio do 2017 Marcus Fernández

O xogo Crazy Taxi de SEGA é todo un clásico dos salóns recreativos e das consolas de videoxogos, que conta con numerosas adaptacións para dispositivos móbiles, entre as que resultaba bastante rechamante Crazy Taxi: City Rush, por incorporar numerosas novidades que o situaban plenamente no free-to-play, o que fai que resulta curioso que nos últimos días SEGA optase por relanzar para dispositivos móbiles o xogo orixinal como Crazy Taxi Classic, que podemos descargar de balde para Android e para iOS.
Estamos ante o relanzamento do xogo para móbiles mudando de modelo de negocio, pasando de ser un título de pagamento a outro financiando a través de publicidade moi invasiva (anuncios en vídeo de 20-30 segundos) que pode eliminarse pagando 2,29 euros en iOS ou 3,99 euros en Android, de xeito que o xogador será quen decida se lle compensa pasar por caixa ou aturar os anuncios integrados.
Esta versión de Crazy Taxi está remasterizada para dispositivos móbiles, adaptando bastante ben o seu control a pantallas táctiles e incluso conservando a música orixinal de The Offspring e Bad Religion (aínda que o usuario tamén poderá optar por empregar unha listaxe de reprodución de seu), recuperando así a esencia deste título que ten unha mecánica moi básica: conducir un taxi polas rúas recollendo a pasaxeiros por toda a cidade. Trátase dun arcade no que podemos facer todo tipo de tolerías, como saltar empregando ramplas ou incluso ver o fondo do mar, deixando claro que non se pretende en ningún momento ser un simulador de condución, senón un xogo que ofreza diversión directa, para o que achega distintos modos (orixinal, arcade ou contrarreloxo de 3, 5 ou 10 minutos).

PUBLICIDADE