Creadas dúas novas aplicacións galegas para Android

venres, 10 de xuño do 2011 Raquel Noya

Captura de pantalla da aplicación Chove

Unha das cousas que máis lle interesou sempre á xente de todo o mundo e que non perde interese co paso dos anos, é a información meteorolóxica. Malia que os tempos cambiaron moito e as novas tecnoloxías mudaron os intereses de moitas persoas, o certo é que a información do tempo é algo do que case ninguén pode prescindir á hora de facer os seus plans.
Levar esta información no móbil e consultala a cotío é unha costume habitual xa nos usuarios de iPhone e de móbiles de última xeración, que agora teñen á súa disposición unha nova ferramenta ao seu alcance: Chove, dispoñible de balde en Android Market.
Trátase dunha aplicación para móbiles con Android, que mostra imaxes dos radares meteorolóxicos de distintas zonas de España, e que permite concretar o punto exacto no que se atopan as nubes e o seu desprazamento a corto e medio prazo.
Desta maneira, o usuario pode saber se vai chover ou vai estar despexado na zona que lle interese e mesmo tomar unha captura da imaxe para compartila con outros usuarios en Facebook ou Twitter, por exemplo.
As capturas tamén se poden enviar por email, bluetooth, WhatsApp ou calquera outra aplicación que o usuario teña instalado no seu smartphone.
Esta ferramenta, creada polo galego Juan Porta, emprega datos directos de MeteoGalicia e da Axencia Estatal de Meteoroloxía, AEMET.
Por outra banda, tamén desenvolvida por este galego e tamén en relación a manternos informados, atopamos na tenda Android, unha aplicación para móbiles que reúne nunha mesma portada tódalas portadas do día.
Trátase de Extra! Estra! Portadas, que selecciona as primeiras páxinas das nosas cabeceiras favoritas para velas de maneira doada nunha galería de imaxes. A aplicación, en fase de probas, tamén permite ver nun mapa tódolos xornais dispoñibles e acceder aos que máis nos interesen directamente.

PUBLICIDADE