DJI presenta nova cámara de acción

mércores, 27 de outubro do 2021 Marcus Fernández

O fabricante de drons DJI tamén ten grande experiencia en cámaras estabilizadas, e quere aproveitar esta experiencia para competir con GoPro, de aí que recunque no mercado das cámaras de acción coa nova DJI Action 2, que presenta un deseño magnético intercambiable e adaptable que abre novas vistas para facer que os vídeos sexan cativadores, con ferramentas únicas para encadrar, gravar e monitorizar unha cámara, e coa grande estabilización que caracteriza á marca.
A nova cámara é máis pequena, máis versátil e máis potente que a súa predecesora, proporcionando as ferramentas para capturar aventuras en nítidos vídeos 4K. A DJI Action 2 só pesa 56 gramos e o seu formato permite que poida fixarse a un casco, a un guiador de bicicleta, a unha táboa de surf ou incluso a unha camiseta, para poder realizar gravacións dende perspectivas impresionantes mentres que o usuario goza da aventura en mans libres. A cámara é resisnte á auga, ao po e ás caídas, cunha resistencia suficiente para a meirande parte de aventureiros.
A unidade de cámara conta cunha pantalla OLED táctil de 1,76 polgadas, cunha pantalla OLED adicional no módulo de pantalla táctil frontal, que se acopla de xeito seguro na parte inferior da unidade da cámara de xeito magnético, facilitando a realización de selfies e a realización de autogravacións.
A DJI Action 2 conta cun sensor de imaxe de 1/1.7 polgadas que grava vídeo en 4K a 120 imaxes por segundo cun campo de visión de 155 graos, que con RockSteady 2.0 estabiliza as imaxes conseguindo grande fluidez nas gravacións. A unidade de cámara ten unha batería cunha autonomía de até 70 minutos, que chega até os 160 minutos se conectamos o módulo de pantalla frontal e 180 minutos co módulo de alimentación.
A DJI Action 2 tamén conta con funcións intelixentes que permiten gravar vídeos en cámara lenta, hyperlapse e timelipse, QuickClip (pequenas gravacións de 10, 15 ou 30 segundos para compartir en redes sociais), retransmitir vídeo en directo (até Full HD a 30 imaxes por segundo) e incluso funcionar como unha webcam USB.
Entre os seus accesorios destaca o sistema de microfonía sen fíos DJI Mic, que conta con 2 transmisores de micrófono, un receptor e un estoxo de carga, e facilita a captura de audio a unha distancia de até 250 metros, conseguindo que as gravacións para redes sociais rexistren claramente as voces protagonistas.
A DJI Action 2 pode adquirirse nun lote que inclúe a unidade de cámara, o módulo de pantalla e varios accesorios por 519 euros, mentres que o lote que inclúe o módulo de cámara e un módulo de alimentación reduciría o seu prezo até os 399 euros. Estamos así ante un produto interesante, pero que a nivel de prezo está demasiado preto de GoPro (a HERO10 Black véndese actualmente por 429,98 euros), polo que resultaralle difícil facerse un oco significativo no mercado mentres non conte con prezos máis agresivos.

A resistencia á auga da DJI Action 2 permite incluso somerxer a cámara até a 10 metros de profundidade

Vídeo de presentación da DJI Action 2

PUBLICIDADE