DJI presenta novos produtos para creadores de contido

mércores, 15 de xuño do 2022 Marcus Fernández

Aínda que DJI é especialmente coñecido polos seus drons, o aproveitamento da tecnoloxía de estabilización e transmisión de imaxe das cámaras destes trebellos levou a que conseguise unha posición moi sólida no sector da creación audiovisual, para o que vén de presentar un par de estabilizadores para cámaras e unha solución de vídeo sen fíos independente que combina recepción, monitorización, control e gravación, abrindo novas posibilidades aos creadores de contidos.
O DJI RS 3 é o novo estabilizador para cámaras que pode manexarse cunha soa man e pode cargar até 3 quilos de peso, polo que resulta ideal para solucións baseadas en cámaras réflex e sen espello, cunha grande versatilidade de uso, batería cunha autonomía de até 12 horas e cunha nova pantalla táctil OLED de 1,8 polgadas que facilita a súa configuración. Este dispositivo pesa menos de 1,3 quilogramos e como principal vantaxe fronte aos modelos anteriores ten unha serie de funcións destinadas a unha rápida calibración, de xeito que pode comezar a empregarse bastante máis rápido que outros produtos semellantes. Está dispoñible por un prezo que parte dos 549 euros.
Para usuarios máis esixentes temos o novo DJI RS 3 Pro, que conta cunha plataforma para cámaras máis versátil (coa vista posta no seu uso con cámaras profesionais), conta con brazos construídos en fibra de carbono sen cortar (conseguindo así menos peso e máis forza que o material empregado en anteriores estabilizadores), contén o seu peso en 1,5 quilogramos e pode cargar até 4,5 quilogramos. Tamén incorpora a tecnoloxía de enfoque LiDAR do Ronin 4D e unha cámara de 30 mm para poder aplicar a tecnoloxía de seguimento activo durante as gravacións. O seu prezo parte dos 869 euros.
Pero o produto máis abraiante dos presentados nesta xornada foi o DJI Transmission, que segue os pasos da tecnoloxía avanzada de transmisión de vídeo do Ronin 4D (que combina recepción, monitorización, control e gravación) e xunto coa tecnoloxía de transmisión O3 Pro permite transmitir até a 6 quilómetros de distancia cunha latencia reducida e podendo gozar de vídeo a 1080p/60 fps e monitorización de audio en directo a 16 bits e 48 kHz. Esta tecnoloxía que opera nas bandas de 2,4 GHz, 5,8 GHz e DFS ofrece até 23 opcións de canles para poder operar sen interferencias.
Esta solución de transmisión está baseada nun monitor remoto de 7 polgadas e alto brillo (1.500 nits) que integra un receptor, de xeito que suprime a necesidade de cables, e incluso conta coa posibilidade de monitorizar dende varios receptores ao mesmo tempo (por exemplo, para que dende un dos receptores se estea a controlar a cámara remotamente, ou para axustar a iluminación).
DJI Transmission é unha solución moi interesante para grandes rodaxes, permitindo o uso de 10 ou máis transmisores que crean unha experiencia sincronizada difícil de conseguir mediante a transmisión tradicional. Está á venda por 2.299 euros (incluíndo o transmisor de vídeo e o monitor remoto).

PUBLICIDADE