DJI presenta un dron de menos de 250 gramos de peso

mércores, 30 de outubro do 2019 Marcus Fernández

Chegou a data longamente agardada, e DJI presentou o que probablemente sexa o produto máis revolucionario na historia dos drons de consumo, o DJI Mavic Mini, xa que estamos ante o primeiro dron avanzado cun peso de só 249 gramos de xeito que pode evitar as restritivas lexislacións existentes sobre os drons (que van dende a obrigatoriedade de rexistro até a esixencia de títulos de piloto, pasando por numerosas zonas de exclusión) converténdose no que consideran que é unha cámara voadora de uso cotián.
Este novo dron pertence á familia Mavic, caracterizada polo seu deseño encartable, que facilita o seu transporte; estes drons tamén integran numerosas medidas de seguridade e automatismos, para que usuarios inexpertos poidan empregalos sen provocar grandes riscos nin estragar a aeronave no primeiro voo de proba.
O DJI Mavic Mini pode controlarse a distancia comodamente, valéndonos dunha aplicación móbil e dun mando para conseguir unha boa cobertura, á vez que recibe en tempo real vídeo en alta definición captado pola cámara do dron.
Ao estarmos ante un vehículo tan lixeiro, o seu tempo de voo podo chegar até os 30 minutos, e os seus sensores facilitan que os voos sexan estables, á vez que as engalaxes e aterraxes sexan precisas. A cámara pode disparar fotografías de 12 Mpíxeles, gravar vídeo a 2,7K (2.720×1.530 píxeles) a 30 imaxes por segundo ou a Full HD a 60 imaxes por segundo, e editar estas gravacións comodamente a través dunha aplicación móbil que inclúe preconfiguracións para poder compartir de xeito áxil as nosas filmacións nas nosas redes sociais.
O dron contrólase a través da aplicación DJI Fly, que non só permite un manexo básico, senón que tamén facilita o uso do DJI Mavic Mini en voos suaves ou en voos deportivos, así como conta con efectos pre-programados para a realización de tomas espectaculares con tan só uns poucos toques. Os modos QuickShot deste dron serían Dronie, Foguete, Órbita e Espiral.
A aplicación tamén conta con funcións sociais, o que axuda a descubrir fermosos lugares onde gravar preto de onde esteamos.
O DJI Mavic Mini pode mercarse xa a un prezo de 399 euros na súa versión básica, mentres que a versión Vuela Más que inclúe numerosos extras entre os que destacan baterías adicionais co seu estoxo de carga, véndese por 499 euros. Temos así que este dron non só é un dos máis versátiles e con maior potencial do mercado (xa que pode empregarse para voar sobre concentracións de persoas sempre que non se superen os 20 metros de altura), senón que tamén é un dos máis económicos, o que claramente disparará as súas vendas de cara á campaña de Nadal.

O DJI Mavic Mini chega ao mercado cunha ampla variedade de accesorios

Vídeo de presentación do DJI Mavic Mini

PUBLICIDADE