DJI presenta un cuadricóptero que evita os obstáculos

luns, 8 de xuño do 2015 Marcus Fernández

Os cuadricópteros Phantom 3 de DJI son todo un referente dentro dos drons económicos, o que non significa que o fabricante chinés estea á cola da innovación, e como mostra presenta o novo Matrice 100, un cuadricóptero orientado a desenvolvedores que por un prezo de 3.599 euros ofrece un cuadricóptero moi personalizable que destaca por incorporar un novo sistema de guiado de DJI que empregando 5 sensores e un procesador central é capaz de axudar ao dron a permanecerse estable e incluso evitar obstáculos en tempo real incluso a altas velocidades.
Esta tecnoloxía resultaría moi ben recibida polo público, xa que evitaría que o dron colidise con obxectos durante os seus voos, facilitando que o vehículo voador poida mellorar a súa lonxevidade, xa que os cuadricópteros son bastante susceptibles a padecer accidentes de diversa índole, especialmente nos primeiros usos.
Combinando sensores ultrasónicos e cámaras estereoscópicas o sistema de guiado de DJI pode detectar obxectos até a 20 metros de distancia e manter o quadricóptero a unha distancia pre-configurada, evitando así as colisións, o que resulta especialmente práctico para o uso de drons en tarefas habituais ou para a súa integración en proxectos como o de Amazon (que consiste en empregar drons como dispositivos de entrega de paquetes). Ao estarmos ante un software que conta cun SDK, será posible crear solucións ao redor desta tecnoloxía, contribuíndo á innovación empregando este tipo de trebellos voadores.
Do DJI Matrice 100 tamén podemos comentar que ten un dobre compartimento de batería, o que permítenlle unha autonomía de voo de até 40 minutos (sen cargamento), inclúe mando a distancia (aínda que tamén pode controlarse a través dun smartphone ou dunha tableta), integra GPS avanzado e conta con baías de expansión para poder incorporarlle elementos que o doten de prestacións moi específicas.


Vídeo de presentación do DJI Matrice 100

PUBLICIDADE