DMTech pon á venda un televisor LED de 24 polgadas con Android

luns, 16 de xullo do 2012 Marcus Fernández

A compañía española DMTech incorpora ao seu catálogo de xullo por un prezo de 459 euros un televisor con pantalla LED de 24 polgadas (cunha resolución de 1,920 x 1.080 píxeles), recepción de TDT de alta definición (compatible coa TDT de pagamento), gravación de televisión a través de USB, funcións de reprodución multimedia e acceso á Internet grazas á integración de Android 2.3 (ampliable a Android 4.0) o que sen dúbida é un elemento diferencial fronte aos seus competidores.
O televisor con Android de DMTech véndese en cor branca ou negra, conta con lector de tarxetas de memoria SD, euroconector, entrada VGA, 2 portos HDMI, Ethernet e Wi-Fi N. Para poder operar con Android (permitindo incluso o acceso a Google Play) conta cun procesador Cortex A9 a 1 GHz, 512 Mb de RAM e 4 Gb de almacenamento interno, e recoméndase o seu control a través dun teclado sen fíos con touchpad que o fabricante vende por 49,95 euros.
Aínda que estamos ante un televisor cun prezo un tanto elevado, o feito de que en vez de optar por solucións tipo Smart TV, integrase Android, pode indicar a liña a seguir por moitos pequenos fabricantes que terían dificultades para lanzar grandes plataformas de software como fan Sony, Samsung ou LG.

PUBLICIDADE