DOTA 2 abre completamente o seu acceso

martes, 17 de decembro do 2013 Marcus Fernández

Tras varias fases de proba, o agardado xogo DOTA 2, que conta actualmente cuns 6,5 millóns de xogadores ao mes, está xa dispoñible publicamente a través de Steam, de xeito que os que queiran botar unha partida ao mesmo só terán que entrar nesta plataforma de xogos descargables e premer no botón de xogar, para que este título de Valve se instale no seu equipo e poida así xogarse sen listaxes de espera nin limitacións semellantes, xa que nas fases previas conseguiron axustar os servidores que atenden as partidas deste videoxogo para atender á alta demanda provocada polo seu grande volume de usuarios.
Este xogo que naceu como modificación de Warcraft 3 e que gañou unha identidade propia (converténdose en todo un sub-xénero da estratexia en tempo real) está dispoñible para ordenadores con Windows, OS X e Linux, estando debidamente localizado a numerosos idiomas (entre os que non faltan o español e o portugués).
Este RTS de acción comercialízase baixo o modelo do free-to-play, de xeito que é posible gozalo de balde, aínda que para desbloquear certos elementos haberá que investir cartos reais no mesmo.

PUBLICIDADE