DRIVECLUB para PS4 non sairá ata 2014

venres, 18 de outubro do 2013 Marcus Fernández

Aínda que no verán anunciouse que a PlayStation 4 chegaría o 29 de novembro acompañada por un acceso de balde ao xogo de condución DRIVECLUB, pouco a pouco imos vendo como moitas das promesas sobre o lanzamento da consola non se cumpre (ora por falta de tempo, ora por decisión das editoras que prefiren adiar uns meses os seus primeiros xogos para a primeira xeración para atopar unha maior base de consolas e evitar tamén verse ensombrecidos por GTA V), e finalmente Sony e Evolution Studios anuncian que DRIVECLUB non verá a luz este ano.
O mencionado xogo de carreiras chegará en soporte físico e na versión de balde para PlayStation Plus a primeiros de 2014, para permitir que os desenvolvedores poidan completar satisfactoriamente o produto, aproveitando o anuncio para ratificar que cando o xogo saia á venda nas tendas tamén confirma que cando DRIVECLUB PlayStation Plus Edition saia á venda pasará inmediatamente a formar parte da colección de xogos instantáneos.
Dende Sony queren incidir no feito de que a PlayStation 4 continúa a contar cun catálogo de xogos inicial suficiente, aínda que con poucos xogos exclusivos (sendo Killzone Shadow Fall e Knack os máis destacables), aos que se sumarán antes de rematar o ano títulos como Infamous Second Son e The Order 1886. Por fortuna, a nova consola de Sony terá moitos outros xogos multi-plataforma como FIFA 14, Assassin’s Creed IV: Black Flag, Call of Duty: Ghosts ou Battlefield 4, que posiblemente non sexan os mellores títulos para adquirir en consolas de nova xeración (por contar tamén con versión para a xeración anterior, o que daría a entender que son títulos de transición que non aproveitarán tanto as novas máquinas como poderiamos desexar, aínda que é comprensible que iso non aconteza ata que as novas consolas leven bastantes meses no mercado).


Un dos últimos trailers de DRIVECLUB

PUBLICIDADE