Darksiders chega a moitas tendas antes do seu lanzamento oficial

xoves, 31 de decembro do 2009 Marcus Fernández

Como aconteceu hai uns días con Bayonetta, o xogo Darksiders para Xbox 360 e PlayStation 3 que debería chegar ás estanterías das tendas de videoxogos o vindeiro día 5 de xaneiro xa está á venda en moitos centros comerciais, práctica que algúns poderían considerar de competencia desleal (aínda que resulta comprensible que moitas tendas estean a procurar vender as unidades que teñen de Bayonetta e Darksiders antes do Día de Reis), e que como repercusión máis negativa ten o feito de que facilitou a filtración ás redes P2P de copias da versión para Xbox 360, de xeito que antes do lanzamento oficial deste xogo de THQ, que destaca por contar con contar con deseños do debuxante de comics Joe Madureira, os usuarios menos legais poden gozar do mesmo, o que podería prexudicar ás súas vendas.
Darksiders chega como un título moi prometedor dentro do xénero de hack’n slash, no que metémonos na pel de Guerra, un dos Catro Xinetes do Apocalipse, que traizoado vese involucrado nunha trama que racha coa tregua entre Ceo e o Inferno provocando a desaparición da Humanidade antes de que puidera estar preparada para o enfrontamento que definiría o destino dos tres mundos.
Este xogo parece claramente inspirado en God of War no que se refire á súa mecánica e aos ataques de Guerra (aínda que tamén hai quen detecta no xogo trazos dos xogos de Zelda), polo que os afeccionados a este tipo de xogos colleranlle o truco ao momento, gozando dunha experiencia de xogo bastante familiar, que acompañada polo seu peculiar deseño completa un xogo de acción impresionante, que pese a non ser moi orixinal, convencerá a moitos e ocupará o baleiro que queda no mercado mentres non chegue ás tendas Dante’s Inferno.


Trailer do xogo

PUBLICIDADE