Dell Studio One 19 estrearase no Xapón coma un todo-en-un con pantalla táctil

xoves, 12 de marzo do 2009 Marcus Fernández

Os ordenadores todo-en-un continúan a súa emerxencia, e Dell quere tamén entrar nesta liña de produto, polo que lanza no Xapón o seu equipo Studio One 19, un ordenador integrado na súa pantalla panorámica que resulta ideal para a reprodución multimedia.
O equipo ten unha pantalla de 18,5 polgadas cunha resolución de 1.366 x 768 píxeles (coa posibilidade de que inclúa un panel multi-táctil), procesador Intel Core 2 Duo ou Core 2 Quad, ata 4 Gb de RAM, ata 750 Gb de disco duro, tarxeta gráfica nVIDIA GeForce 9200 ou 9400, gravadora de DVD e teclado e rato sen fíos, vendéndose este produto por un prezo de dende 149.800 iens (1.213,38 euros).
É de agardar que este ordenador chegue pronto ao resto do mundo, pero resulta curioso que xa sexan varios os fabricantes (dende HP ata MSI) que aposten por equipos todo-en-un con pantalla táctil. ¿Agardan que o efecto iPhone chegue en breve aos ordenadores, de xeito que as funcionalidades táctiles sexan habituais?

PUBLICIDADE