Dell anuncia un ordenador todo-en-un que pode facer ás veces de tablet xigante

mércores, 13 de marzo do 2013 Marcus Fernández

Os ordenadores todo-en-un son unha tendencia que gaña peso ano tras ano, e pola que Dell aposta firmemente, atrevéndose incluso a sorprender con equipos como o Dell XPS 18, o ordenador deste tipo máis delgado, lixeiro e versátil da compañía que sairá á venda dentro dun mes por un prezo de 899,99 dólares (en EE.UU. e algúns países europeos aínda non detallados) e que goza dunha pantalla táctil Full HD de 18,4 polgadas e unha batería recargable (cunha autonomía dunhas 5 horas), de xeito que incluso podería empregarse como tablet dentro do fogar.
O Dell XPS 18 sería unha especie de tablet xigante con Windows 8, que ao empregalo cun teclado e cun rato funcionaría como calquera outro ordenador todo-en-un (grazas a que integra un pé abatible), mantendo o seu peso sobre os 2 quilogramos, polo que cargar con el sería moi semellante a transportar un ordenador portátil.
Como é costume en Dell, o equipo poderá configurarse para funcionar cunha unidade SSD, o que xunto co seu procesador Intel Core de terceira xeración permitirán que funcione a unha velocidade máis que satisfactoria para a meirande parte dos usos dun ordenador persoal.

O equipo poden empregarse como un todo-en-un ordinario

PUBLICIDADE