Dell anuncia un proxector de vídeo láser 4K con HDR

mércores, 14 de xuño do 2017 Marcus Fernández

O vindeiro 19 de xullo Dell vai pór á venda por 5.999 dólares nos EE.UU. un atractivo proxector de vídeo, o Dell S718QL, que presume de ser o primeiro proxector láser 4K de alta luminosidade do mundo, sendo un produto ideal para salas de xuntanzas, aulas e outros localizacións nas que sexa preciso proxectar imaxes de grande tamaño sen ter que escurecer o ambiente.
Este novo proxector non só pode presumir de ultra alta resolución con HDR (ou sexa, que proxecta unha imaxe de 8,3 Mpíxeles cunhas cores impresionantes) senón que tamén é de tiro curto, de xeito que pode crear unha imaxe de 100 polgadas a só 10 centímetros de distancia, facilitando así que unha persoa poida estar diante do vídeo sen proxectar sombra ou tendo que padecer luces cegadoras.
Este tipo de proxector tamén ten unha grande vantaxe fronte a outras tecnoloxías, xa que precisa dun baixo mantemento, estimándose que pode operar sen problemas durante 10 anos cun uso medio de 8 horas diarias (sen ter que padecer os problemas que outras tecnoloxías teñen co desgaste e substitución das súas lámpadas).
O Dell S718QL acepta numerosas entradas, sendo capaz de empregar a propia rede local para achegar contidos de até 4 fontes distintas, tamén pode correr ficheiros de Office e vídeos 4K a través de USB e incluso conta con Bluetooth para poder conectar con sistemas de audio sen fíos.

PUBLICIDADE