Demandan a Fortnite por plaxiar a PUBG

martes, 29 de maio do 2018 Marcus Fernández

O estudio surcoreano PUBG Corp., responsable do xogo PlayerUnknown’s Battlegrounds presentou unha demanda contra a división coreana de Epic Games ao considerar que o xogo Fortnite copia ao seu, o que suporía unha infracción de copyright. Aínda que o sabemos agora, a demanda teríase presentado o pasado mes de xaneiro.
Lembremos que PlayerUnknown’s Battlegrounds (PUBG) foi considerado como un dos grandes fenómenos dos videoxogos durante o ano pasado, creando toda unha febre polo formato battle royale, no que numerosos xogadores se enfrontan entre si até que só sobrevive un. E aínda que este xénero non é realmente algo totalmente novo, hai que recoñecer que o xeito no que o desenvolveu PUBG foi moi atinado, de aí que outros seguisen os seus pasos, sendo difícil discernir a inspiración do plaxio.
No caso de Fortnite, un xogo no que inicialmente só había que salvar o mundo ante unha infección zombi, o éxito chegoulle tras incorporarlle un modo de xogo battle royale, que xunto ao feito de que o título é free-to-play, facilitou que collese o relevo do éxito de PUBG. Aínda que o modo de xogo en si mesmo non podería considerarse un plaxio, os responsables de PUBG vén que Fortnite copiou elementos e parte da interface de usuario, polo que agora terán que ser os tribunais os que decidan se hai realmente plaxio, o que semella bastante difícil, especialmente se temos en conta que non cesan de anunciarse lanzamentos de xogos con modo battle royale, dando a entender que estamos simplemente ante un xénero de xogo.

PUBLICIDADE