Dende outubro poderá xogarse de balde a DC Universe Online

martes, 20 de setembro do 2011 Marcus Fernández

Moitos son os xogos en liña que queren competir con World of Warcraft, pero practicamente ningún consegue manter o seu servizo mediante o pagamento de cotas mensuais, polo que reorientan o seu modelo de negocio como vai facer DC Universo Online, xogo de Sony Online Entertainment para PC e PlayStation 3 que o mes que vén vai ser de acceso gratuíto.
A partires de outubro os xogadores poderán descargar e acceder a DC Universe Online de balde, nas súas 2 versións, polo que os afeccionados aos personaxes dos comics de DC como Superman e Batman non terán desculpa para probar esta experiencia que dividirá aos seus xogadores en 3 niveis distintos:

O xogo permítenos participar nun mundo en liña no que están presentes os personaxes dos comics de DC

- Free: os novos xogadores de balde, que terán acceso aos contidos actuais do xogo, coa posibilidade de crear 2 personaxes e unirse a unha liga. Poderán ampliar a súa experiencia en liña mediante contidos descargables de pagamento.
- Premium: todo usuario que gastara un mínimo de 5 dólares, que gozará de maiores niveis nos seus personaxes e outros beneficios. Tamén terán acceso aos contidos descargables de pagamento.
- Legendary: os usuarios que paguen 14,99 dólares/mes poderán acceder ao nivel máximo de opcións e beneficios, así como o acceso a todos os paquetes de contido descargable sen custo adicional.

PUBLICIDADE