Denuncian que Anthem provoca problemas en múltiples consolas PS4

luns, 4 de marzo do 2019 Marcus Fernández

O lanzamento de Anthem está a ser moi polémico ante a evidencia de que estamos ante un xogo que, pese a ser unha superprodución, semella estar sen rematar, presentando numerosas carencias que non resultan aceptables para un xogo final, ás que agora súmanse problemas técnicos en PlayStation 4 que en momentos moi puntuais levan ao bloqueo completo do xogo, o que podería chegar incluso a deixar inutilizada a consola.
Polo que denuncian bastantes usuarios, Anthem presenta erros que levan ao reinicio da consola, o que en ocasións leva a recibir unha advertencia sobre un apagado indebido da máquina, como se alguén tirase do cable de alimentación durante o seu uso, o que cando menos nun caso provocou que a PS4 non puidese volver a funcionar con normalidade, o que resulta especialmente grave, xa que un fallo nun xogo provocaría ter que levar a consola ao servizo técnico.
Os fallos técnicos de Anthem levaron a moitos usuarios a pedir unha devolución dos cartos pagados polo xogo, cando menos se o adquiriron en formato descargable, cun resultado bastante desigual, de xeito que varios conseguiron con éxito o reintegro, mentres que outros atoparon unha incomprensible negativa da empresa que semella razoable que realice algún tipo de declaración ao respecto nos vindeiros días, xa que estariamos ante un tipo de problema cun xogo que está lonxe do ordinario.

ACTUALIZACIÓN: Electronic Arts recoñece a existencia dos problemas con Anthem en PS4 e asegura estar a investigalos.

PUBLICIDADE