Desaparecen as dobraxes ao español en Apple TV+

martes, 3 de decembro do 2019 Marcus Fernández

JPEG - 77.3 KB
Na listaxe de idiomas dispoñibles en Apple TV xa non aparece o español de España

O pasado 1 de novembro chegou a España o servizo de vídeo baixo demanda Apple TV+, cun catálogo moi reducido e con algunhas incidencias nas primeiras horas, pero cun detalle moi de agradecer: todos os contidos estreábanse dobrados. Aínda que a dobraxe nas estreas é habitual en plataformas como Netflix, outras como HBO non dobran rapidamente todas as producións, e algunhas das series poden adiarse un par de semanas engadir a dobraxe (aínda que contando con subtítulos dende o primeiro día).
Dada esta situación resulta moi sorprendente que, sen mediar explicación, o servizo de Apple TV+ perdese nas últimas horas tanto os subtítulo como a dobraxe en español de España, mantendo só a dobraxe en español latino. O abraiante da situación é que a eliminación da dobraxe española non será nos episodios que se estrearán o vindeiro venres, senón que afecta aos que onte mesmo podían reproducirse en español, polo que tanto podemos estar ante un fallo do sistema como ante unha decisión de Apple (o que sería unha grande torpeza, porque practicamente suporía dar as costas ao público español, afeito á dobraxe local).
Dende Apple España aínda non responderon nin a prensa nin a usuarios sobre esta incidencia.

ACTUALIZACIÓN (4-12-2019): Apple España asegura que realizaron cambios no servizo, polo que estamos ante unha incidencia que debería solucionarse en breve e que non afecta só á ausencia da dobraxe en español (ao parecer algunhas series tamén perderon o Dolby Vision).

SEGUNDA ACTUALIZACIÓN (4-12-2019) Finalmente a supresión do español de Apple TV+ quedou nunha anécdota, e o idioma restaurouse.

PUBLICIDADE