Descubregalicia.com engade aos seus fondos a visita virtual de Sanxenxo, Portonovo e O Grove

mércores, 6 de xuño do 2012 Raquel Noya

A web interactiva Descubregalicia.com, creada por Factoría Eurodigital para dar conta das principais vilas e enclaves da xeografía galega que ningún turista debería deixar de visitar (aínda que sexa a través da pequena pantalla), vén de engadir ao seu catálogo de visitas virtuais en 360º as vilas de Sanxenxo, Portonovo e O Grove, que se unen ás de Santiago de Compostela e Cabeza de Manzaneda, habilitadas xa dende hai un ano.
Segundo aseguran, un ano atrás Santiago de Compostela “convertíase na primeira cidade virtual interactiva de Europa” que a comunidade internauta podía visitar a golpe de click comodamente dende o seu fogar.
Agora os turistas virtuais tamén teñen á súa disposición as devanditas vilas das Rías Baixas, podendo visitalas a través do ordenador dende calquera lugar do mundo e a calquera hora do día, para asegurarse de que merece a pena a súa visita este verán (o que, por certo, non dubidamos pois estamos a falar das tres localidades coa meirande proxección turística de Galicia).
A ferramenta permite percorrer en detalle os tres enclaves grazas á visión en 360º, un formato panorámico que se converteu no selo identificativo e inconfundible desta empresa pontevedresa.
O servizo está dispoñible na plataforma Descubregalicia.com polo que unha vez dentro, o internauta tan só terá que escoller a localidade que desexa visitar para iniciar un percorrido virtual polas súas rúas e enclaves.
A maiores, o sistema permite acceder a un amplo abano de información que inclúe aloxamentos, restaurantes, establecementos comerciais e de ocio... así como datos de utilidade sobre as praias, os miradores e as paraxes naturais que lle dan fama a estes paraísos da costa galega.
Para o director de Factoría Eurodigital, José Manuel García, a plataforma resulta de gran utilidade para o sector turístico do país, pois “pode axudar na tarefa de desestacionalizar o turismo” ao tempo que resulta moi práctica e vantaxosa para “vender a imaxe de Galicia no mundo”.
Durante 2011, Descubregalicia.com, que supera os 24.000 seguidores en Facebook, recibiu un total de 250.594 visitas procedentes de 142 países diferentes, e rexistrou nada menos que 2.565.020 páxinas vistas, das cales 1.400.000 corresponden a percorridos en 360º.

PUBLICIDADE