Desmantelan unha granxa de PS4 que minaba cartos virtuais no FIFA 21

luns, 19 de xullo do 2021 Marcus Fernández

A semana pasada detectaron en Ucraína unha granxa de equipos informáticos e consolas PlayStation 4 sospeitosa de estar a roubar electricidade para o minado de criptomoedas, o que non só é unha fraude económica, senón que tamén provoca serios problemas no subministro eléctrico, que pode chegar a experimentar cortes por mor deste tipo de abusos (de feito, a compañía eléctrica afectada prohibe expresamente o uso da súa rede para minar criptomoedas polo impacto que tal consumo enerxético pode ter na súa rede).
Pero resultaba curioso que nesta granxa de minería houbese consolas PlayStation 4 Slim (unhas 3.800), xa que non son equipos axeitados para esa finalidade, sendo moito máis rendible o uso de hardware moito máis específico, o que levou a entender que estaban ante unha granxa de equipos moito máis convencional, que simplemente servía para realizar tarefas repetitivas en xogos para gañar recursos nos mesmos e logo comerciar con eles.
Enténdese así que a granxa de equipos en Ucraína non estaba dedicada a minar criptomoedas, senón que estaría a xerar cartos virtuais no FIFA 21 para poder gastalos no FIFA Ultimate Team, vendendo logo a conta de usuario co saldo virtual por cartos reais, o que pode ser un negocio moi rendible, especialmente se os responsables non teñen que sufragar o gasto enerxético.

PUBLICIDADE