Desmenten que as novas tecnoloxías sexan aditivas por si mesmas

mércores, 22 de agosto do 2007 Matías Olazabal

Nun artigo publicado polo Journal of Mental Health, a doutora Vaughan Bell asegura que lonxe de ser un novo síndrome, a denominada adición a Internet non é máis que un síntoma dun mal maior. A investigadora da Universidade de Londres, ven de facer unha investigación bibliográfica sobre o tema, e advirte dende o blog de psicoloxía Mind Hacks que os artigos que actualmente enchen a Rede falando das características desta nova adición e que ao parecer afecta a un de cada un navegantes, non teñen o rigor científico necesario, xa que as adicións que implican un determinado comportamento deben emparentarse con actividades concretas.

Se ben o uso da rede para as apostas cumpre con esta máxima, a Rede constitúe para esta profesional un medio de comunicación, e por tanto dende un punto de vista formal é imposible estar “enganchado” a este sistema máis do que se estar “á lingua ou ás radio frecuencias”.

Neste senso, Vaughn asegura que “hai xente que é disfuncional na súa vida cotiá, e ten problemas significativos cos seus estados de ánimo e comportamento, e que amais deste feito pasan unha gran cantidade de tempo conectada á Rede”. Porén, a autora insiste en que a xénese do consumo desmesurado dos novos medios de comunicación non son nunca incentivados pola mesma Rede, como acontece coas drogas ou o xogo.

Na actualidade, unha serie de profesionais ten publicados artigos nos que advirten que sobre un 10 por cento dos internautas están “enganchados” a rede, algo ao que a investigadora inglesa resposta dicindo que “non hai nin un estudo que amose que o uso intensivo da Rede poida presentar as características formais dunha adición”. Cómpre salientar que, segundo o profesor Mark Griffiths, para que unha actividade poida ser considerada unha adición, esta debe presentar as seguintes características: alta prioridade para o suxeito, modificacións nos estados de ánimo, progresiva xeración de tolerancia, síndrome de abstinencia, e situacións de conflito e resolución ante a presenza e ausencia do obxecto que crea a adición.

Por último, a doutora Vaughan explica que “é importante facer a distinción entre algo que resulta compulsivo, é dicir que queremos volver a facer, e unha adición, que consiste nun desorde mental que nos leva a manter unha determinada conduta até cando esta trae graves danos. Ir ó cinema, ler libros o falar cos amigos, ó igual ca calquera outra actividade da que gocemos, pode ser compulsiva, pero non por iso se debe considerar unha adición, aínda que consuma o noso tempo a diario e nos amole non poder levala a cabo.”

PUBLICIDADE