Desvelan a relación de xogos que integrará o NEOGEO Arcade Stick Pro

venres, 20 de setembro do 2019 Marcus Fernández

O prometedor NEOGEO Arcade Stick Pro, un mando arcade inspirado no mando da NEOGEO CD que pode empregarse na NEOGEO mini, nun ordenador ou de xeito independente, como se dunha consola de videoxogos se tratase, sabíase que traería 20 xogos de loita precargados, que aínda non se fixeran públicos, pero que previsiblemente serían os mesmos incluídos na NEOGEO mini, e finalmente confirmouse que é así agás cun par de pequenos cambios.
Os xogos que incluirá o NEOGEO Arcade Stick Pro serán as versións 95, 97, 98, 99, 2000 e 2002 de The King of Fighters, Fatal Fury Special, Fatal Fury 3, Garou: Mark of the Wolves, as entregas II, III, IV e V Special de Samurai Shodown, Art of Fighting, as entregas Perfect, 2 e 2 Jet de World Heroes, Ninja Master’s, The Last Blade 2 e Kizuna Encounter.
Con este anuncio SNK tamén confirma que o mando medirá 430 x 214 x 124 milímetros, que as teclas que permite conmutar entre o modo de consola e o de mando está nunha posición pouco accesible para evitar a súa pulsación accidental, o seu cable USB ten unha lonxitude de 2 metros e pode almacenarse na parte inferior do propio mando, inclúe un total de 8 botóns de acción personalizables (de xeito que pode adaptarse para multitude de xogos), e tamén salienta que para amosar os gráficos en pantalla o dispositivo multiplica a imaxe por tres e logo permite elixir entre tres tipos de efectos para que cada usuario decida se quere unha imaxe máis limpa ou prefira simular a experiencia dun monitor de tubo.
Polo momento non detallan nin a data de lanzamento nin o prezo que terá este produto.

A listaxe de xogos de SNK integrados no NEOGEO Arcade Stick Pro

PUBLICIDADE