Desvelan as especificacións de PlayStation VR2

mércores, 5 de xaneiro do 2022 Marcus Fernández

Na presentación da PlayStation 5 deixaron claro que a nova consola de Sony sería compatible coa realidade virtual, primeiramente con retrocompatibilidade co software e hardware de PlayStation VR, e posteriormente cun casco de realidade virtual de seu, do que agora coñecemos que se chamará PlayStation VR2 e do que adiantaron moitas das súas especificacións.
O casco de PlayStation VR2 ofrecerá imaxes 4K con HDR en pantallas OLED cunha resolución de 2.000 x 2.040 píxeles por ollo cunha velocidade de refresco de 90/120 Hz e un campo de visión de 110 graos; o casco contará con tecnoloxía de seguimento mediante 4 cámaras integradas para non precisar de sensores de posición externos; con PS VR2 Sense teremos seguimento de ollos (mediante unha cámara de infravermellos), retroalimentación do casco, audio 3D e tamén un innovador mando PS VR2 Sense que promete unha sensación de inmersión profunda.
E para deixar que este hardware chegará apoiado por software de calidade, tamén anuncian que Guerrilla e Firesprite están a traballar en Horizon Call of the Mountain, unha achega ao universo de Horizon mediante realidade virtual, o que permitirá unha experiencia única e orixinal.
Polo momento non detallan a data de lanzamento desta plataforma que poderá aproveitar o grande pulo que actualmente ten a realidade virtual grazas ás Quest 2, o que, grazas á potencia da PlayStation 5, podería levar a experiencia máis mainstream un paso adiante a nivel de inmersión.

Vídeo de introdución de Horizon Call of the Mountain

PUBLICIDADE