Desvelan o prezo das ampliacións de almacenamento das futuras Xbox

xoves, 24 de setembro do 2020 Marcus Fernández

As consolas de nova xeración chegan con capacidades de almacenamento que, aínda que están na liña das consolas da actual xeración, de cara aos xogos futuros parecen bastante deficientes, xa que o tamaño das texturas das grandes superproducións provocan que certos xogos superen amplamente os 100 GB de almacenamento, de aí que sexa importante que exista a posibilidade de ampliar a capacidade das novas consolas, o que non será barato xa que as novas máquinas funcionan con unidades de estado sólido de elevada velocidade en vez de discos duros tradicionais, e por fin sabemos o rango de prezo nos que estarán estas ampliacións, xa que BestBuy nos EE.UU. publicou xa na súa páxina web a ficha das ampliacións de 1 TB para Xbox Series X/S.
Esta unidade de estado sólido externa con tecnoloxía PCI Express Gen4 x2 (NVMe) de Seagate para as novas consolas Xbox ten un prezo de 219,99 dólares, o que pode parecer un prezo moi esaxerado, pero responde ao feito de que esta unidade replica a arquitectura de carga rápida de Xbox, ou sexa, que no se trata dunha unidade SSD ordinaria, senón dun modelo de alta velocidade e, de feito, se buscamos o prezo dunha SSD M.2 PCIe 4.0 NVMe de Gigabyte cunha capacidade de 1 TB ten un prezo en España de 219,99 euros. Podemos concluír así que as ampliacións de almacenamento de Xbox teñen prezos de mercado, o que a longo prazo é unha boa nova xa que, aínda que hoxe esteas unidades sexan moi caras, é de esperar que paulatinamente vaian reducindo o seu prezo e incrementando a súa capacidade, como vén acontecendo coas unidades SSD nos últimos anos.

PUBLICIDADE