Detectan malware instalado de fábrica nun smartphone chinés

martes, 17 de xuño do 2014 Marcus Fernández

A compañía de seguridade informática xermana G DATA Software AG sorprendeu anunciando un descubrimento realmente rechamante: detectaron malware nun smartphone de fabricación chinesa instalado de fábrica no dispositivo como unha aplicación disfrazada de tenda da aplicacións de Google Play. Este spyware correría en segundo plano, sendo imperceptible para o usuario, pero que mandaría información persoal a un servidor localizado en China, dende onde sería posible instalar de xeito inadvertido outras aplicacións, de xeito que supón un grande perigo, xa que serviría para roubar datos persoais, interceptar chamadas e información bancaria ou incluso acceder ao micrófono e á cámara do trebello de xeito remoto.
O móbil afectado sería o Star N9500, considerado como un clon do Samsung Galaxy S 4 cun prezo moi inferior (é posible atopalo en Europa por prezos que van entre os 130 e os 165 euros). Dende G DATA detallan que o malware incluído no dispositivo sería o troiano Android.Trojan.Uupay.D, que non só sería invisible para o usuario e non podería desactivarse, senón que tamén bloquea a instalación de actualizacións de seguridade, polo que os usuarios que teñan a mala sorte de contar cun destes terminais infectados deberían devolvelo.
Dende G DATA tamén desconfían de que o reducido prezo do smartphone (que distribúese con numerosos accesorios como cargador para o automóbil, segunda batería e segundo protector de pantalla) podería ser un reclamo para captar usuarios aos que roubar os seus datos para a súa venda, polo que chaman á prudencia á hora de mercar certos produtos a través da Internet, especialmente ante os problemas que pode provocarnos a vulneración da seguridade do noso smartphone.

O N9500 é un clon chinés do Samsung Galaxy S 4

PUBLICIDADE