Detectan pantallazos negros en distintas versións de Windows

martes, 1 de decembro do 2009 Marcus Fernández

Nas últimas horas moitas son as informacións que apuntan á aparición dun fallo que afectaría a distintas versións de Windows (dende NT ata 7) que xa alcuman a Black Screen of Death (ou pantalla negra da morte), consistente nun colgue do sistema deixando a pantalla en negro, que algúns apuntaban a que estaría provocado por varias actualizacións de Microsoft, e aínda que non hai solución oficial, a empresa de seguridade Prevx xa publicou un parche que aseguran que evita o problema.
Dende Microsoft están a investigar o problema e aseguran que as actualizacións de seguridade de Windows non deberían ter nada que ver cos fallos detectados, principalmente porque non actúan sobre as partes supostamente afectadas, e sospeitan que o fallo viría provocado por algún tipo de código malicioso coma o troiano Daonol.
Tamén aseguran que o problema non está a ser detectado de xeito masivo en todo o mundo, e que os informes sobre o fallo chegarían sempre indirectamente a Microsoft, polo que resúltalles complicado chegar a unha conclusión inequívoca sobre o problema.

PUBLICIDADE