Dimensiona achega unha aplicación que fai auditorías de cultivo sen necesidade de rede

luns, 11 de xaneiro do 2021 S. P.

A empresa galega Dimensiona rematou o ano presentando detalles dunha innovadora ferramenta para facer avanzar o sector primario na súa transformación cara a modelos máis intelixentes e automatizados: a ferramenta Refuxio, unha aplicación móbil que xorde dos grandes desafíos actuais da agricultura a gran escala.
Permite facer auditorías de cultivo de diferentes zonas en seguimento: por unha banda as zonas denominadas “refuxio” e, pola outra, as que se coñecen como áreas “intactas”. Este traballo de apoio desenvólveo de maneira áxil e sinxela, achegando datos pormenorizados de cada área en estudo e contratando os datos que ofrece cada unha. O obxectivo é comparar a calidade dos cultivos resultantes en cada caso.
Dimensiona explica que as vantaxes da ferramenta son moitas e variadas. Por exemplo: permite aos auditores traballar sen conexión (coa garantía de acadar a sincronización dos datos unha vez o dispositivo poida conectarse á rede), posibilita un traballo conxunto áxil e eficaz (os auditores son coordinados a través da app por un administrador central, figura que conta cuns privilexios de administración específicos) e pon en xogo funcións de mapeado interactivo (cando o auditor recibe as súas listaxes de parcelas de cultivo a aplicación permítelle descargar os mapas cando está conectado para, unha vez chegou ao lugar a examinar, poida traballar off-line).
O proxecto xorde ligado ao desenvolvemento doutra ferramenta de Dimensiona, Agroint, tamén aplicábel ao ámbito agrícola.
A app incorpora unha serie de funcións moi específicas baixo unha interface que a empresa cualifica de “moi intuitiva”, o que “a fai destacar entre as ferramentas dixitais para o sector primario”. Esta son as funcións:
· Xestión das auditorías das zonas de Intacta e Refuxio e contraste das mesmas.
· Xestión dos lotes e cultivos para rexistrar datos e cotexalos.
· Ofrece a posibilidade de rexistrar os datos offline e sincronizalos co servidor para subilos cando exista dispoñibilidade de rede.ç
· Realización de tomas de datos para o control dos cultivos Intacta e Refuxio. Facilita o rexistro e a comparativa das áreas de control dos cultivos.
· Posibilidade tanto en liña como offline de realizar mapeados interactivos das áreas a controlar “dunha forma doada e intuitiva”.

PUBLICIDADE