Dishonored 2 sae á venda para PC, Xbox One e PS4

venres, 11 de novembro do 2016 Marcus Fernández

Tras a boa acollida que tivo a primeira entrega de Dishonored, este xogo de acción en primeira persoa de Arkane Studios volve cun novo capítulo no que retomamos o rol de asasino sobrenatural. En Dishonored 2 o xogador pode optar por encarnar á emperatriz Emily Kaldwin ou ao protector real Corvo Attano, tendo despois que elixir se avanzar mediante a infiltración polos tellados, mediante brutais combates nas rúas ou cunha mestura de ambas estratexias, xa que os poderes, armas e artiluxios dos personaxes achegan moitas posibilidades á hora de desfacerse dos inimigos.
A historia transcorre nun mundo imaxinativo, con contornos espectaculares creados de xeito moi artístico e creativo, que van dende as rúas infestadas de ratas de Dunwall até as exuberantes costas da decadente Karnaca. Este mundo ficticio conta cunha rica historia de apoio, unha arquitectura moi característica e personaxes moi curiosos; así como tamén son orixinais os poderes sobrenaturais cos que podemos eliminar aos inimigos, que van dende converterse nunha sombra vivente até emprega a hipnose, de xeito que tanto podemos masacrar aos inimigos como amosar certa piedade.
O xogo xa pode adquirirse para PC, Xbox One e PlayStation 4 a prezos que están entre os 59,99 e os 69,99 euros e, no caso da versión para PC, cómpre advertir de que precisa de equipos de grande potencia, de aí que desen conta de consellos de configuración para que o xogo poida correr con certa fluidez, xa que boa parte das opcións que poden activarse precisarían para funcionar un PC de alta gama cunha gráfica de última xeración como unha nVIDIA GeForce GTX 1070/1080, que só están ao alcance duns poucos.

Tráiler de lanzamento de Dishonored 2

PUBLICIDADE