Disney Infinity 3.0 chega ás tendas

venres, 4 de setembro do 2015 Marcus Fernández

Hoxe é o día marcado no calendario por Disney para iniciar a comercialización da nova mercadotecnia de Star Wars, o que permite por fin o lanzamento de Disney Infinity 3.0: Play Without Limits, unha nova entrega do videoxogo que mestura figuras no mundo real coa súa contrapartida virtual, que como principal novidade ten a introdución de personaxes e aventuras da triloxía orixinal de Star Wars e da serie televisiva das Guerras Clon.
O xogo chega ás tendas españolas na forma dun Starter Pack que inclúe o Play Set de Star Wars: Twilight of the Republic, ou como Edición Especial (exclusiva para PlayStation) que tamén inclúe o Play Set de Star Wars: Rise Against the Empire e a figura interactiva de Boba Fett. O Starter Pack para PS3, PS4, Xbox 360, Xbox One e Wii U ten un prezo recomendado de 59,99 euros, mentres que a Edición Especial véndese a 99,99 euros. Tamén será posible a adquisición do xogo e os distintos produtos por separado.
Aínda que Star Wars sexa a franquía que máis destaca en Disney Infinity 3.0, o xogo tamén permite gozar de numerosos personaxes e escenarios de Disney, Pixar e Marvel, de xeito que abre a porta a todo un universo de posibilidades nas que os personaxes poden gozar de aventuras de plataformas, carreiras e xogos de simulación.

Aparte dos personaxes da triloxía orixinal, tamén están presentes no xogo os personaxes das Guerras Clon.

Tráiler de lanzamento de Disney Infinity 3.0

PUBLICIDADE