Disney+ supera os 10 millóns de altas

mércores, 13 de novembro do 2019 Marcus Fernández

A estrea de Disney+ nos EE.UU. está a funcionar realmente ben, superando as 10 millóns de altas no seu primeiro día, deixando claro o interese do público pola rica oferta de contidos que ofrece esta nova plataforma de vídeo baixo demanda que aglutina películas e series de Disney, Pixar, Marvel, Star Wars, National Geographic e outros, á vez que tamén conta coas 30 tempadas de Los Simpson.
Cómpre salientar que a estrea desta plataforma cunha produción como The Mandalorian, ambientada no universo de Star Wars e cunha calidade equiparable ao das películas para pantalla grande, foi todo un acerto, de xeito que Disney+ dá os seus primeiros pasos contando con reclamos difíciles de resistir, e coa promesa de que no futuro contará no seu catálogo coas películas de Disney e Marvel que trunfan no cine e incluso o filme de Star Wars que se estreará en pantalla grande o mes que vén. De feito, Disney+ aproveitará ter unha plataforma de seu para que as vindeiras series estean moi ligadas cos filmes, de xeito que se retroalimenten.
Os analistas estimaban que Disney+ podería conseguir entre 10 e 18 millóns de subscritores ao rematar o seu primeiro ano, e vendo o ben que funcionaron as primeiras horas e que aínda non entramos na campaña de Nadal, podemos auspiciar que as previsións superaranse sobradamente.
A longo prazo será máis difícil saber o que pasará no mercado global do vídeo baixo demanda, xa que están a crearse cada vez máis plataformas, o que está a probar unha fatiga da subscrición, e os usuarios comezan a ter que elixir ante a imposibilidade de contratar numerosos servizos e ante a mala experiencia de uso que supón ter que andar a alternar entre aplicacións para ver os contidos desexados.

PUBLICIDADE