Donkey Kong Country 3 chega esta semana á Consola Virtual de New Nintendo 3DS

luns, 30 de maio do 2016 Marcus Fernández

Nintendo confirmou que o vindeiro xoves chegará á eShop de New Nintendo 3DS o xogo Donkey Kong Country 3: Dixie Kong’s Double Trouble, ou sexa, que grazas á Consola Virtual, as portátiles de Nintendo poderán gozar dun dos últimos grandes xogos a clásica Super Nintendo, a terceira entrega da saga de plataformas Donkey Kong Country, coa que Rare demostrou que a familia Kong tiña o suficiente carisma para contar cunha serie de xogos de seu que, por outra banda, converténdose de paso nun dos xogos de plataformas de desprazamento lateral máis salientables do seu tempo.
Donkey Kong Country 3 saíu inicialmente a finais de 1996 para Super Nintendo, aínda que a finais de 2005 contou tamén cunha versión para Game Boy Advance, de xeito que conseguiu manterse de certa actualidade, e tanto a Wii como a Wii U tamén o teñen dispoñible nas súas consolas virtuais. O seu lanzamento para New Nintendo 3DS terá un prezo de lanzamento de 5,59 euros, aínda que en poucos días pasará a venderse a un prezo ordinario de 7,99 euros, polo que os seareiros desta saga debería aproveitar a oportunidade para facerse cun dos clásicos de Rare para as consolas de Nintendo.

PUBLICIDADE