Doodle Jump para iPhone supera o millón de descargas

luns, 21 de decembro do 2009 Marcus Fernández

Cada vez son máis os xogos sinxelos e económicos para o iPhone e iPod Touch que conseguen calar fondo nos usuarios, acadando un éxito impresionante pese a carecer dun grande estudo detrás, promoción e características técnicas avanzadas, coma acontece con Doodle Jump, un sinxelo título desenvolvido por Lima Sky (equipo composto polos irmáns Igor e Marko Pusenjak), que vén de superar o millón de descargas, de xeito que os 0,79 euros do seu prezo parecen unha cantidade máis que atractiva, xa que os responsables do xogo terían superado o medio millón de euros en ingresos.
Parte do éxito da comercialización do xogo estivo no feito de que os seus creadores decidiron investir parte dos seus beneficios en campañas publicitarias, así coma o feito de que Doodle Jump está en constante actualización, incorporándose novidades coma a posibilidade de disparar ou incluso a posibilidade de cargar un motivo de Nadal se chamamos ao noso personaxe Snow.
O xogo consiste en mover a un alieníxena que non para de saltar movendo lateralmente o iPhone ou iPod Touch, evitando caer ao baleiro, o que convértese nunha experiencia moi aditiva, o que demostran as súas boas vendas e incluso o feito de que o xogo fose mencionado en series de televisión coma The Big Bang Theory.

PUBLICIDADE