DotPen, o stylus de precisión para pantallas capacitivas

mércores, 2 de xullo do 2014 Marcus Fernández

Para poder interactuar coas pantallas capacitivas temos que empregar os dedos, o que nalgunhas ocasións ou para certos uso pode non ser o máis atinado, de aí que atopemos no mercado numerosos modelos de stylus compatible con este tipo de pantalla, pero que transmiten unha resposta un tanto forzada, de aí que xurda un proxecto en Kickstarter para crear un lapis dixitalizador que teña a aparencia dunha pluma e unha sensación táctil semellante durante o seu uso sobre un smartphone ou tablet.
O DotPen pretende ser o máis parecido a unha pluma ou bolígrafo con acabado de aluminio (cunha lonxitude de 14,3 centímetros), que conta cunha zona de agarre de goma e unha punta termoplástica de 1,9 milímetros que pretende transmitir a sensación de que estamos a escribir sobre a pantalla do noso dispositivo táctil, para o que precisa tamén dunha batería AAA (que tería unha autonomía dunhas 12 horas).
En contraste con outros lapis dixitalizadores, o DotPen funcionaría en practicamente calquera dispositivo con pantalla capacitiva sen ter que empregar software adicional, pasando a funcionar con só un lixeiro toque da súa punta sobre a pantalla, e servindo tanto para escribir en pantalla como para debuxar, conseguindo unha precisión moi superior á dos dedos ou a de stylus capacitivos pasivos.
Podemos facernos cun destes trebellos por 49 dólares (46,86 euros con portes incluídos), recibíndoo a partir do mes de novembro de trunfar a campaña de micromecenado que pretende xuntar 25.000 dólares para que o DotPen pase a ser unha realidade.


Vídeo promocional do DotPen

PUBLICIDADE