Dous empresarios composteláns achegan unha ferramenta anti-COVID para abrir portas co móbil: AppToIn

luns, 25 de maio do 2020 Sonia Pena

Nestes tempos de crise sanitaria e confinamento boa parte das nosas empresas innovadoras puxéronse mans á obra para botar unha man nunha situación tan complexa como a que vivimos as semanas pasadas e como a que estamos aínda a vivir. É o caso da startup galega AppToIn, unha nova empresa impulsada dende Santiago que desenvolve un produto-servizo moi acaído para estes días de emerxencia, de requirimentos sanitarios e hixiénicos e de limitacións á actividade presencial: unha aplicación que nos permite abrir portas coa axuda do noso móbil.
Co inicio da crise, a empresa deu un novo impulso á ferramenta (inicialmente orientada a apartamentos turísticos), con vistas a satisfacer o incremento da demanda e ampliar o ámbito de actividade a fechaduras de uso comunitario, para liberar aos usuarios da necesidade de tocar as portas e dotalos da posibilidade de xestionar entradas e introducir calendarios e horarios.
As vantaxes da ferramenta
AppToIn, impulsada polos empresarios composteláns Alberto Varela e Cástor Agra, permite acceder a vivendas e inmóbeis de maneira segura e rápida, dende o dispositivo móbil, pois engade tecnoloxía no porteiro automático de cada comunidade (sen necesidade de eliminar a chave do usuario) e permite unha xestión individualizada e segura dos accesos, podendo limitalos por horas ou usuarios ben sexan veciños, repartidores, carteiros, persoal de emerxencias ou asistencia médica e social.
Perfectamente ao tanto da complexa situación derivada da crise sanitaria, os dous empresarios decidiron aproveitar o tempo de confinamento para poder facer I+D e achegar “unha solución que beneficiase aos usuarios e minimizase os riscos de transmisión por contacto que poden producirse en elementos comúns, facilitando ademais os servizos de reparto ou asistencia”.
Cástor Agra desde a súa empresa de software Obradoiro Multimedia e Alberto Varela desde Ferrva Herrajes xa estaban a desenvolver a tecnoloxía con éxito para apartamentos turísticos, “un sector no que achegamos unha solución para permitir unha mellor xestión das chaves, aforrando aos propietarios os custos derivados de tempos de espera e no caso dos xestores, dándolles a capacidade de facer o check-in múltiple, cousas que supoñen unha redución de custos, unha mellora na conciliación do persoal encargado e un aumento da súa produtividade”.
Agra e Varela tamén están a desenvolver solucións semellantes no sector hostaleiro tradicional, no que puxeron en marcha unha integración tecnolóxica que permite aos usuarios abrir co móbil utilizando as fechaduras existentes, unha funcionalidade que minimiza o contacto ao que se expón o persoal e máis os hóspedes e que achega “confianza”, destacan, “nestes momentos en que hai que extremar o coidado nestes aspectos”.

PUBLICIDADE