Dragon Ball FighterZ para Switch celebrará a súa beta aberta dentro dunha semana

venres, 3 de agosto do 2018 Marcus Fernández

O xogo de loita Dragon Ball FighterZ continúa moi vivo en PC, Xbox One e PlayStation 4, con torneos e actualizacións, pero este xogo inspirado no universo de As Bolas Máxicas non vai quedar só nesas plataformas, senón que o 28 de setembro estreará versión para Nintendo Switch, o que suporá unha grande vantaxe para moitos xogadores, pois permitirá levar o xogo a calquera lugar e non depender dunha grande pantalla para xogar.
Esta versión do xogo compartirá os gráficos de alta calidade das versións anteriores, así como os combates espectaculares de 3 contra 3 a 60 imaxes por segundo, aínda que como concesión a esta plataforma simplificáronse os controis para que sexa posible xogar cun único Joy-Con.
Pero os máis impacientes non terán que esperar até finais de setembro para catar este título, pois xa está dispoñible para a descarga na Nintendo eShop o seu cliente para acceder á súa beta aberta, que terá lugar entre os días 10 e 12 de agosto, e permitirá probar a 23 dos loitadores base do xogo.
Os usuarios que reserven o xogo antes do seu lanzamento poderán acceder a contido adicional, que consiste no acceso anticipado aos personaxes de Son Goku e Vexeta na forma de superguerreiros azuis, así como o xogo Dragon Ball Z Super Butoden lanzado no seu día para Super Nintendo no Xapón.

Anuncio das recompensas por reservar Dragon Ball FighterZ para Nintendo Switch

Tráiler de presentación de Dragon Ball FighterZ para Nintendo Switch

PUBLICIDADE