Dragon Ball Z Dokkan Battle, un curioso xogo de As Bolas Máxicas para dispositivos móbiles

venres, 17 de xullo do 2015 Marcus Fernández

Bandai Namco estreou esta semana nas tendas de aplicacións móbiles como xogo free-to-play un curioso título de loita inspirado en As Bolas Máxicas (concretamente na etapa Dragon Ball Z da serie) Dragon Ball Z Dokkan Battle, que conta unha historia protagonizada por Toranks procurando solucionar unha distorsión temporal e que fuxe claramente doutros títulos de loita da franquía, baseando as mecánicas de ataque na combinación de esferas de cores e a selección de loitadores.
Este xogo xa leva tempo dispoñible no Xapón, pero finalmente podemos descargalo de balde dende España na App Store e en Google Play, o que agradecerán os seareiros máis fieis das aventuras de Son Goku, aínda que non estamos ante un xogo apto para calquera xa que, aparte da súa mecánica de xogo tan pouco habitual, o xogo ofrécese en inglés, o que desmerece bastante a súa historia para os que non estean habituados á lingua ou teñan problemas para identificar os nomes do personaxes en inglés.
Cómpre destacar que este título, pese a non ter un tamaño elevado, si fai un uso intensivo de descargas, polo que recoméndase xogar onde estea dispoñible cobertura Wi-Fi.



Trailer do xogo

PUBLICIDADE