Dropcam HD, unha videocámara de vixilancia con Wi-Fi e tamaño reducido

martes, 3 de abril do 2012 Marcus Fernández

A Dropcam HD é unha nova videocámara de vixilancia doméstica, de doada configuración, que aproveita a conexión Wi-Fi do fogar para conectarse á Rede e permitir así que funcione de xeito autónomo (sen precisar de conectase a un ordenador) e permitir que as imaxes que rexistre en alta definición (720p con compresión H.264) poidan verse dende un ordenador ou dende dispositivos móbiles como o iPhone, o iPad, o iPod Touch e os móbiles e tablets con Android.
Esta cámara presume de ser a máis cativa da súa gama, e pode resultar axeitada para monitorizar a un bebé, comprobar que todo vai ben no fogar cando esteamos fóra e incluso conversar remotamente con algún familiar (pois ten son en ambas direccións). Tamén conta con detección de movemento e son (para activarse ante intrusos, o que pode desencadear o envío dun e-mail ou unha alerta no iPhone) e permite realizar gravacións de seguridade na nube (servizo cun custo adicional) incluso na escuridade (conta con tecnoloxía de infravermellos).
O seu prezo de venda é de 149 dólares (112,64 euros), e aínda que polo momento só está dispoñible nos EE.UU., dado que xa pode reservarse a través de Amazon, non sería de sorprender que aparecese en breve no resto do mundo.

A Dropcam HD pode resultar de utilidade para a monitorización de bebés


Vídeo de lanzamento da Dropcam HD

PUBLICIDADE