Dúas mozas e tres mozos de Oia e da Guarda gañan o primeiro #SocialHack

martes, 16 de febreiro do 2021 S. P.

A fin de semana pasada, da man da Deputación de Pontevedra (a través da rede SmartPEME), celebrouse online o Hackaton do Terceiro Sector. A cita tivo feitura de certame e nela participaron, tentando achegar as mellores contribucións, máis de trinta persoas de distintos puntos de Galicia, Madrid, Cataluña e Andalucía. Finalmente impúxose un proxecto para a creación dunha plataforma de captación de fondos para iniciativas sociais. A proposta gañadora do primeiro premio do #SocialHack, que botaba man dos recursos de xeolocalización, foi desenvolvida por Celso Gómez, de Oia, e Edu Castro, Jarold Lugo, Henar Alonso e Isa Alonso, da Guarda.
A presidenta provincial, Carmela Silva, xunto á deputada de Novas Tecnoloxías, Ana Mejías, participou este luns na entrega telemática dos galardóns deste reto tecnolóxico, desenvolvido durante esta pasada fin de semana. Todas as persoas participantes concursaron en liña en grupos multidisciplinares, en equipos de tres e cinco, para desenvolver a solución tecnolóxica máis innovadora cara ás entidades do terceiro sector. Na súa valoración, o xurado tivo en conta o grao de desenvolvemento das propostas, o deseño, a súa dificultade técnica e a presentación final.
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, amosouse asombrada pola riqueza de ideas presentadas polos oito grupos participantes, e destacou que este hackaton do terceiro sector demostrou “que o mundo dixital está liderado por persoas e as persoas poden converter á tecnoloxía, aos sistemas binarios e as siglas en algo humano e que poden ser o instrumento para mellorar a vida das persoas, sobre todo das que máis o necesitan”.
O equipo gañador, que con este primeiro premio obtivo 2.000 euros, conseguiu a máxima puntuación (12,1 puntos) do xurado coa proposta Jamii, consistente nunha páxina web que por unha banda permite realizar doazóns, participar en actividades de voluntariado, facerse socia/o de entidades, e tamén solicitar as súas axudas. A través da xeolocalización, a plataforma redirixe automaticamente aos proxectos máis próximos.
O segundo premio (1.000 euros) foi para o equipo formado por Carlos Rodríguez, Jaime Martínez, Alberto Fernández e Jesús Pérez, todos eles de Santiago, pola súa proposta Kune, que acadou 11,5 puntos na valoración do xurado. Consiste nunha plataforma que reforza a transparencia e a rendición de contas, co fin de responder a unha sociedade que demanda máis información e participación na toma de decisións. Nesta web cada usuaria ou usuario conecta coas entidades sociais que están acorde aos seus obxectivos para facer voluntariado ou colaboracións económicas.
Finalmente, o terceiro premio (500 €) o foi para o equipo formado por Pío Iglesias, Rafa Rodríguez e Jose Sánchez, todos eles de Pontevedra e agrupados baixo a proposta HelpDepu (10,1 puntos). Trátase dunha plataforma web que serve de ponte entre a Deputación e persoas usuarias que buscan satisfacer unha necesidade.

PUBLICIDADE