EE.UU. amplía os vetos internacionais que afectan á industria tecnolóxica

martes, 8 de outubro do 2019 Marcus Fernández

A relación de EE.UU. con China segue a ser conflitiva, e tras o polémico bloqueo a Huawei (que practicamente está a impedir á compañía comercializar os seus novos smartphones fóra de China), a Oficina de Seguridade e Industria (BIS) do Departamento de Comercio vén de engadir a 28 organizacións chinesa na Entity List, ou sexa, que prohibe ás empresas estadounidenses a manter relacións comerciais cun novo grupo de empresas chinesas que, desta volta, están especializadas en recoñecemento facial e intelixencia artificial, ou sexa, compañías que nalgúns casos están en posicións líderes no sector da vixilancia electrónica.
Dende a Administración xustifican a decisión acusando ás empresas chinesas de estar involucradas en violacións dos dereitos humanos, ou sexa, que considéraas responsables de actos de represión de minorías étnicas en China, aínda que varias das compañías vetadas polos EE.UU. aseguran non ter relación coas violacións de dereitos humanos citadas.
Este caso é moi semellante ao de Huawei, xa eu o bloqueo tamén resulta negativo para empresas estadounidenses, que nin poden empregar a tecnoloxía chinesa, nin prover ás empresas chinesas de compoñentes e servizos.

Venezuela quedan sen os servizos de Adobe

Na mesma liña temos outro caso de bloqueo comercial dos EE.UU., xa que vén de entrar en vigor unha orde executiva presidencial que aplica bloqueos a Venezuela, sancións que sorprendeu ao verse que afectaba a unha compañía como Adobe, que ao non poder manter relacións con empresas e particulares venezolanos cancelou as súas subscricións de xeito unilateral e incluso recoñecen que non poden devolver os cartos das subscricións xa que a operación económica estaría prohibida en virtude da orde executiva.
Adobe bloquea tanto o acceso aos servizos de balde e de pagamento aos usuarios de Venezuela, aos que dan de prazo até o 28 de outubro para poder facer copia dos contidos que teñan nos seus servidores, xa que tras tal data desactivarán as súas contas. Este bloqueo manterase mentres estea en vigor a orde executiva, que carece de data de expiración.
Sobra dicir que este tipo de actuación si suporá un claro prexuízo a empresas estadounidenses, xa que os usuarios que non poidan conseguir o software de Adobe de xeito legal verase na obriga de acceder ás aplicacións por métodos alternativos para poder así continuar os seus traballos, ou sexa, que as propias autoridades norteamericanas serían as que promoverían a piratería de software.

ACTUALIZACIÓN (10-10-2019): Finalmente Adobe rectificou o xeito de someterse á Orde Executiva 13884 e asegura que os usuarios venezolanos recibirán un reembolso antes do remate de mes polo tempo da súa subscrición non recibido e detallas que o servizo Behance continuará a estar accesible en Venezuela.

PUBLICIDADE