Economía achega 5,4 millóns para fortalecer o talento dos nosos centros tecnolóxicos
mércores, 14 de agosto do 2019
Hoxe
déronse a coñecer os detalles dunha nova convocatoria autonómica
para axudar aos centros tecnolóxicos a ser aínda máis excelentes e
avanzados do que de feito xa son, e para favorecer que conten cos
mellores profesionais. A partida
de apoios, publicada hoxe no DOG, vén cunha contía de 5,4 millóns
de euros. As entidades interesadas terán de prazo até o 13 de
setembro para solicitar axudas.
Poden
concorrer os seguintes centros: Aimen, o Centro Tecnolóxico de
Telecomunicacións de Galicia (Gradiant), ANFACO-CECOPESCA, o Centro
Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG), o Instituto
Tecnolóxico de Galicia (ITG), EnergyLab, o Centro Tecnolóxico de
Investigación Multisectorial (CETIM), o Centro Tecnolóxico da Auga
(Cetaqua) e o Clúster de Acuicultura de Galicia (CETGA).
Segundo
informa a Consellería de Economía, de onde abrolla esta
convocatoria, esta ten como obxectivo “incentivar a transferencia
de resultados de investigación, de coñecemento e de capacidades
tecnolóxicas dos centros tecnolóxicos ao mercado co fin de acadar
un impacto na competitividade das empresas galegas e, así, xerar
coñecemento”.
Os
conceptos susceptíbeis de seren subvencionados son os seguintes:
custos de persoal investigador ou de apoio, material bibliográfico e
funxíbel e custos de formación do persoal do centro tecnolóxico,
entre outros. A idea básica, engade Economía, é contribuír a
fixar e reter talento mediante actuacións centradas no capital
humano: contratación e consolidación de persoal de I+D así como
formación.
A
medida refórzase cos 2,62 millóns de euros que a Xunta destina a
contratos programa coas fundacións de investigación sanitaria de
Galicia (Fundación Profesor Novoa Santos, Fundación Instituto de
Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (FIDIS), Fundación
Biomédica Galicia Sur e a Fundación Pública Galega de Medicina
Xenómica) e cos centros galegos de investigación do Instituto
Español de Oceanografía (IEO) e do Consello Superior de
Investigacións Científicas (CSIC).