Económico gravador de TDT HD de Best Buy

luns, 11 de outubro do 2010 Marcus Fernández

Coa chegada das novas canles de alta definición na TDT moitos consumidores atopan que non poden recibilas por non ter un sintonizador axeitado, e tamén acontece o mesmo con múltiples dispositivos de gravación, non adaptados á HD, o que agora pode solucionarse con produtos cun prezo asumible coma o Easy Home TDT HD’10, un sintonizador de TDT de alta definición de Best Buy que está xa á venda por 54,90 euros e que, aparte de recibir e gravar o sinal televisivo en definicións alta e estándar, tamén pode reproducir arquivos de vídeo comprimido en MPEG-4 e incluso en MKV.
O Easy Home TDT HD’10 conta con saída HDMI e de vídeo por compoñentes e composto (de xeito que tamén pode empregarse con televisores que non sexan de alta definición) e a gravación da TDT realizarase en tarxetas de memoria USB ou en discos duros externos de ata 500 Gb de capacidade. Grazas a esta posibilidade tamén é posible facer uso da función de TimeShift ou pausa en directo, podendo así deter o visionado dunha canle televisiva para reanudala máis tarde.

PUBLICIDADE