Eixo Atlántico presenta unha guía turístico-dixital interactiva

luns, 14 de outubro do 2024 S. P.

A entidade Eixo Atlántico achegou un novo recurso tecnolóxico cuxo obxectivo é facilitar as nosas viaxes polo territorio galego portugués: unha plataforma que se presenta baixo o nome Vive o Eixo Atlántico e que vén concibida como unha guía turístico-dixital interactiva.
Dende Eixo Atlántico, lembran que o turismo é un dos sectores economicamente máis importantes (10,6% do PIB na Galiza e 12,7% no Portugal), así como un dos que máis sufriu coa pandemia. Por este motivo e co fin de darlle un novo impulso transformador, o Eixo Atlántico refórzao a través de tres eixes: o comercializador (con Expocidades, a feira de turismo de proximidade), a identificación de novas liñas (turismo de autor, turismo policéntrico e fomento do turismo adaptado) e a promoción turística a través da cal publicáronse xa mancheas de guías turísticas en papel, ás que se suma agora a guía turístico-dixital do Eixo Atlántico que contempla e concentra todos os tesouros paisaxísticos, ambientais, culturais, etnográficos e patrimoniais de Galiza e o Norte de Portugal e faino dun xeito permanentemente actualizado.
A guía ofrece un amplo catálogo de festas populares, gastronómicas e históricas, concertos, eventos deportivos, promoción do patrimonio, etc., dunha enorme riqueza. Por iso, a plataforma reúne toda esta información para que o usuario poida acceder con facilidade á oferta cultural, gastronómica, patrimonial e natural dos dous países irmáns.
Outro dos aspectos diferenciadores da guía é a posibilidade de personalizar unha viaxe a través de distintas filtros. O visitante poderá ver a axenda do municipio que vai visitar eses días concretos.
Os 7 millóns de habitantes da Eurorrexión, máis os 3 millóns das rexións veciñas, durante 52 fins de semana do ano, constitúen un importante nicho de negocio para o turismo de proximidade.
Tamén haberá unha edición en inglés para o turismo estranxeiro con especial atención no Camiño de Santiago que, ao ter coñecemento previo da oferta, os peregrinos poden planificar a súa viaxe cun maior número de noites ou ampliar os lugares a visitar.