El Poder de la Fuerza estrea contido descargable

martes, 9 de decembro do 2008 Marcus Fernández

A nova fase do Templo Jedi nos pode achegar máis dunha hora de diversión

O xogo El Poder de la Fuerza, pese aos seus defectos, se converteu nun imprescindible para todos os seguidores da saga cinematográfica de Star Wars, e para achegarlles máis horas de lecer se ve agora mellorado por 2 paquetes de contidos descargables de pago.
A descarga máis importante que se pode adquirir a través da PlayStation Network ou do Bazar de Xbox LIVE (segundo teñamos unha PS3 ou unha Xbox 360) será a misión do Templo Jedi, que se trata dun novo nivel no planeta Coruscant na que manexaremos a Starkiller por un escenario novo e que se vende por 800 Microsoft Point (uns 9,6 euros) ou 9,99 euros (para PS3) xunto con 9 novas peles para incrementar a dispoñibilidade de personaxes no xogo: 3 traxes novos para Starkiller, 2 novos droides de adestramento e a incorporación de Dark Stalker, Qui-Gon Jinn, Darth Maul e Mace Windu. Podemos así cambiar a aparencia do noso personaxe, e superar o xogo meténdonos no pelexo doutros cabaleiros jedi.

Manexar a Mace Windu será unha das novidades que complementan á incorporación do novo contido descargable

O segundo paquete de descargas é máis reducido, vendéndose por 400 Microsoft Points (uns 4,8 euros) ou 4,99 euros (para PS3) e que inclúe coma personaxes xogables a Luke Skywalker, Ben Kenobi, Plo Koon, o Conde Dooku, Jango Fett, C-3PO e un trooper da República. Tamén inclúe 3 novas vestimentas para Starkiller.
A principal mellora destes paquetes descargables sería a posibilidade de cambiar a aparencia do noso personaxes para rexogar as distintas fases, pero o novo nivel introducido pódese superar en pouco máis dunha hora, polo que o usuario ten que ser consciente de que por preto de 10 euros non se está a abrir unha importante renovación do xogo, senón unha simple ampliación que pode achegar un pouco máis de diversión.

Meterse na pel de Darth Maul pode ser de agradecer para moitos usuarios (aínda que o personaxe xa estaba presente no xogo a través dun droide de adestramento).

PUBLICIDADE