En Europa teremos un streamer Android da marca Nokia

luns, 9 de novembro do 2020 Marcus Fernández

No verán sorprendían lanzando na India o Nokia Media Streamer, un trebello baseado en Android para dotar a televisores prestacións de Smart TV, quedando no aire a posibilidade de que este tipo de chegasen a Europa até agora, xa que veñen de dar conta de que a empresa austríaca Streamview está a facer realidade o su Nokia Streaming Box 8000.
Cómpre advertir que este trebello para levar Android TV aos televisores a través de HDMI non é realmente un produto fabricado por Nokia, senón creación da propia Streamview, compañía que simplemente fíxose cos dereitos para empregar a marca neste dispositivo que permitiría gozar de aplicacións como YouTube, Netflix, Prime Video ou Play Movies a través dunha interface de uso desenvolvida por Google, que resulta moi práctica para a xestión do consumo multimedia doméstico.
Este trebello que pretende chegar ao mercado antes do Nadal a un prezo de 100 euros (incluíndo mando a distancia, adaptador de corrente e cable HDMI) terá que competir especialmente co novo Chromecast con Google TV, que parece ser un produto mellor e máis económico (69,99 euros) pero do que diferenciaríase pola conectividade do dispositivo, que incluiría un porto USB 3.0 para conectar unidades de almacenamento externas para acceder aos seus contidos multimedia, saída óptica de son e un porto Ethernet (para poder conectar o trebello á Rede mediante cable, o que resulta moi práctico ante conexións Wi-Fi inestables ou para instalacións nas que o router doméstico está xunto ao televisor).
Haberá que ver se a boa conectividade, xunto cun mando a distancia moi completo (orientado a non precisar do uso de dous mandos a distancia á vez) fan que este produto consiga facerse un oco nun mercado moi competitivo, especialmente pola presenza de Google e de Amazon (que actualmente está a vender o Fire TV Stick 4K a 39,99 euros, facendo que o prezo da competencia resulte moi pouco atractivo).

A conectividade do Nokia Streaming Box 8000 é a súa principal vantaxe fronte a solucións moito máis económicas

PUBLICIDADE