En marcha SomosCultura, unha web para fomentar o consumo de contidos en galego entre a xente nova
xoves, 17 de xuño do 2021
Estes
días
púxose en marcha, dende o Campus de Pontevedra, unha páxina
directamente encamiñada a fomentar o consumo de contidos en galego
entre a mocidade. Trátase da páxina SomosCultura,
impulsada polo estudante Carlos Cerecedo de Comunicación
Audiovisual. O seu obxectivo: “Agrupar nun único lugar todo o
contido na nosa lingua das principais redes sociais”. A web colleu
corpo no marco do seu traballo de fin de grao.
Segundo
explica, este portal dá continuidade a unha iniciativa que arrancou
no primeiro cuadrimestre cando, no marco dunha materia impartida polo
profesor Paulino Pérez, un grupo de estudantes da Facultade de
Ciencias Sociais e da Comunicación, crearon Somos Cultura, unha
serie de programas televisivos, difundidos a través de Internet, que
buscaban pór o foco na crise provocada pola COVID-19 nas industrias
culturais.
Entre
eles, atopábase Carlos Cerecedo, que exercía como responsábel das
redes sociais deste proxecto, que chegaron a sumar máis de 5.000
seareiros, dando unha viraxe á iniciativa cara ao fomento do galego
a través das “plataformas máis utilizadas pola mocidade”.
SomosCultura
converteuse nunha web que a día de hoxe xunta ligazóns a preto de
150 contas en galego en diferentes plataformas e redes sociais, e que
ademais de contribuír a difusión do idioma busca tamén axudar aos
creadores e creadoras facendo promoción dos seus contidos.
“Estudando os datos do uso da lingua galega na xente nova,
decatámonos dun claro déficit no consumo de contido en galego”,
sinala Cerecedo, que explica que só o 24% das persoas menores de 15
anos empregan o galego no seu día a día, como constatou na análise
que desenvolveu para o seu TFG, no que tivo como titor ao profesor
Xabier Martínez Rolán, e da que derivou a creación deste espazo
web.
Cerecedo
optou por centrar o seu proxecto nos contidos que se difunden e
consumen a través da Rede, dos que, apunta, “só o 4% están en
galego”. Baixo esta premisa, desenvolveu unha plataforma, dividida
por áreas, na que as e os visitantes poden atopar os enlaces ás
contas de streamers e youtubers que na nosa lingua, a
podcasts neste idioma ou aos perfís en plataformas como
Spotify de artistas e grupos musicais.
Do
mesmo xeito, SomosCultura tamén reúne unha escolma de influencers
que se caracterizan polo uso do idioma e enlaces a diferentes contas
de Twitter ou Instagram, organizados á súa vez en subseccións,
como humor, gastronomía, entretemento, videoxogos ou medios de
comunicación. Tamén achega unha ligazón directa á plataforma
Twitch en galego, reunindo unha serie perfís desta rede social.